RESOLUCIÓN do 14 de
xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e
Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de
bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa
realización.
A Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a
proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos
establece os obxectivos e características desa proba e prevé no seu artigo 4 que
a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
realizará a convocatoria ou as convocatorias anuais desta, sinalando os centros
onde terán lugar e as súas datas de inscrición e de realización.
En consecuencia, e ao abeiro da autorización que
figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,
RESOLVO:
Convocar a proba para a obtención do título de
bacharel para maiores de vinte anos no ano 2015, nas modalidades de Ciencias e
Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes
seguintes:
1. Condicións das persoas aspirantes.
1. Poderán participar nestas probas as persoas que
cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano
2015.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de
calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en
ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas
ensinanzas no curso escolar 2014/15.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a
anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados
académicos obtidos nelas.
2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous
exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o
exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas
as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.
2. Forma, lugar e prazo de presentación.
1. O prazo de presentación das solicitudes será entre
o 16 e o 27 de febreiro de 2015.
2. As solicitudes deberán presentarse en soporte
papel, de acordo co modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, nos
centros sinalados no número 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios
establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de
Galicia, https://sede.xunta.es.