miércoles, 21 de enero de 2015

Convocatoria probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 19 de febreiro de 2009 pola que se regulan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos foi modificada parcialmente pola Orde do 10 de febreiro de 2012 e prevé no seu artigo 5.1 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocará as citadas probas nunha ou máis convocatorias de forma ordinaria e, no número 2, que establecerá as datas de matrícula e realización, así como os centros en que se van realizar.
En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da orde de referencia,
RESOLVO:
Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2015, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
Primeira. Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Teren cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, ordinal 5º da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2014/15 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2014/15 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
Segunda. Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
Convocatoria de maio: 16 de marzo ao 27 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 10 de xullo de 2015, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es
3. Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI ou pasaporte, ou doutro documento equivalente cando non se autorice a súa consulta telemática.
b) Copia cotexada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos números 2, 3 e 4 da epígrafe décimo primeira desta resolución.
c) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.
d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia ou non se autorice a súa consulta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario