miércoles, 21 de enero de 2015

Convocatoria proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.
A Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos establece os obxectivos e características desa proba e prevé no seu artigo 4 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará a convocatoria ou as convocatorias anuais desta, sinalando os centros onde terán lugar e as súas datas de inscrición e de realización.
En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,
RESOLVO:
Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2015, nas modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
1. Condicións das persoas aspirantes.
1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2015.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2014/15.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.
2. Forma, lugar e prazo de presentación.
1. O prazo de presentación das solicitudes será entre o 16 e o 27 de febreiro de 2015.
2. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, de acordo co modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, nos centros sinalados no número 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. 

Convocatoria probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 19 de febreiro de 2009 pola que se regulan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos foi modificada parcialmente pola Orde do 10 de febreiro de 2012 e prevé no seu artigo 5.1 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocará as citadas probas nunha ou máis convocatorias de forma ordinaria e, no número 2, que establecerá as datas de matrícula e realización, así como os centros en que se van realizar.
En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da orde de referencia,
RESOLVO:
Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2015, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
Primeira. Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Teren cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, ordinal 5º da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2014/15 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2014/15 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
Segunda. Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
Convocatoria de maio: 16 de marzo ao 27 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 10 de xullo de 2015, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es
3. Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI ou pasaporte, ou doutro documento equivalente cando non se autorice a súa consulta telemática.
b) Copia cotexada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos números 2, 3 e 4 da epígrafe décimo primeira desta resolución.
c) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.
d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia ou non se autorice a súa consulta.

viernes, 16 de enero de 2015